#TBT33: ALGUNHAS LEMBRANZAS DO NOSO DERBI

Os meus primeiros recordos dos derbis co Celta remóntanse ós anos oitenta. Neses anos hai que recoñecer que o Celta nos comeu a tostada moitas veces. Ainda así lembro un partido en Segunda División na tempada 1986-87 en Riazor no que gañamos 3-0, liderados polo fantástico xogador de Esteiro José Luis Vara, e cunha destacada actuación dun rápido extremo inglés, Brian Louie Donowa; un extremo á antiga usanza, veloz e con desborde, pero bastante irregular no seu desempeño, tanto podía facer un partidazo como non irse de ninguén. Ese día volveu tola á defensa do Celta…

Para o partido de volta visitei Balaídos, convidado por un amigo do eterno rival; un partido estraño, porque terminou antes do cuarto de hora de xogo, con dous goles temperáns do Celta, que xa non puido remontar o Depor. Vin o encontro co meu amigo, rodeado de celtistas e sen ningún problema, á marxe do lóxico pique co rival, que é normal nestes casos. Se cadra eran outros tempos…

Ese ano foi o do playoff, o Deportivo rematou na liga regular en segunda posición, detrás de todo un Valencia; pero eran os anos da “longa noite de pedra”, ese meigallo que perseguía ó Deportivo e que lle impedía subir a Primeira; sempre pasaba algo: un arbitraxe inxusto, os nervos, a mala sorte… pois ese ano foi o playoff. E queda para a historia o partido de Riazor contra o Celta, co penalti a Alvelo pitado por Díaz Vega un metro fóra da área e que provocóu os coñecidos incidentes post-partido, que provocaron o peche do Estadio de Riazor.

Outro dos derbis salientables foi o do debut de Bebeto co Deportivo na tempada 92-93; fora o primeiro partido de liga e Bebeto debutou cun gol de penalti, por certo non demasiado ben tirado, xa que o porteiro do Celta, “o odiado” Santi Cañizares, estivo a piques de paralo. O partido rematóu cun 2-0, o segundo gol marcouno Claudio Barragán aproveitando un erro do dianteiro do Celta Mosquera, que entregoulle o balón e deixouno só diante de Cañete. Esa foi a tempada do nacemento do Superdepor, sobre todo a raíz dun partidazo no Sánchez Pizjuán, onde gañamos 1-3, e da inesquecible remontada perante o Real Madrid, de 0-2 ós vinte minutos de xogo ao 3-2 final, con dous golazos de Bebetinho incluidos.

¡E como esquecerse da “semana fantástica” do Turu Flores, na tempada do noso título de liga, 1999-2000!; tres partidos nunha semana e tres goles do Turu: 0-1 na Copa en Balaídos, no partido de ida; 1-0 na liga, completando o séptimo partido consecutivo gañado polo Deportivo; e 1-1 na volta de Copa en Riazor, cun gol no último minuto da prórroga. Neses días circulaba un chiste entre o deportivismo: “cómo soa o teléfono cando chamas a Vigo? Turu, Turu, Turu…”

Xa na liga, no partido de volta en Balaídos, o Deportivo perdeu 2-1, e case cústalle a Liga, co pique conseguinte da afección celeste. A vinganza chegóu tres anos máis tarde, cando a derrota do Celta por 3-0 lle custou o descenso a segunda división, coa burla dos afeccionados deportivistas que ó final do partido berrábanlles: “A Segunda, a Segunda”

Ese ano estiven en Balaídos co meu irmán, por medio dunha amiga de Vigo conseguimos unha entrada, pero era para ir á grada dos afeccionados do Celta. Unha nova experiencia, xa que estabamos rodeados de afeccionados do rival e tivemos que estar caladiños. Pero disfrutamos dun dos derbis máis inolvidables da historia do deportivismo, ¡nada máis e nada menos cun 0-5 na casa do eterno rival! Os goles chegaban como churros perante a desesperación dos afeccionados celtistas e a ledicia interna de meu irmán máis eu. Tres goles de Víctor, un de Luque e o último de Diego Tristán sentenciaron ao adestrador do Celta, que non era outro que Miguel Angel Lotina. ¡Qué tempos aqueles!

E inolvidables foron os dous derbis na tempada de volta a primeira división dos máximos representantes do fútbol galego, a 2011-12, con moita igualdade e resolución dos partidos nos últimos minutos; os verdugos foron, como todos lembramos, Lassad en Riazor, e Borja Fernández en Balaídos, este último no derradeiro minuto do partido, coa explosión de alegría do deportivismo, sobre todo do que estaba presente no feudo olívico.

Do noso derbi sempre quedan na memoria os detalles máis salientables, como o golazo de Djalminha en Riazor, o pescozón do mesmo Djalma a Mostovoi, a lesión fortuita de Manuel Pablo nun encontronazo con Giovanella, a exhibición de Valerón nun 0-3 en Balaídos, o gol de cuchara de Diego Tristán, a autoexpulsión de Iago Aspas por quentarse ante Marchena, e moitísimas cousas máis que no teñen cabida nun artigo, e que deixaremos, se cadra, para máis adiante.

En fin, desexar que estas lembranzas sirvan de motivación ó deportivismo e, sobre todo, ós xogadores branquiazuis, e os puntos teñen que quedar na casa. E desexar tamén que o partido discurra con deportividade, sin incidentes, coa lóxica rivalidade, pero rivalidade sana. E cicais algún día se poda viaxar a Vigo ou á Coruña sen a inquedanza de que algún salvaxe che poida amolar o que debe ser tan só unha festa do fútbol galego.

¡¡¡VIVA O NOSO DERBI!!!   ¡¡¡MAIS O DERBI NON SE XOGA, GÁÑASE!!!